Trátase dunha modalidade de venda de carácter excepcional na que teñen que concorrer algunha das seguintes circunstancias:
Cesamento total ou parcial da actividade comercial. No caso de cesamento parcial o comerciante terá que indicar a clase de mercancías obxecto da liquidación.
Cambio de ramo do comercio ou modificación substancial na orientación do negocio.
Cambio de local ou realización de obras de importancia no mesmo.
Calquera suposto de forza maior que supoña un grave obstáculo para o normal desenvolvemento da actividade comercial.
Por execución dunha decisión xudicial ou administrativa.
Condicións
A venda en liquidación limitarase aos produtos ou artigos que fosen parte das existencias.
A duración máxima será de seis meses, agás no caso de cesamento total da actividade que será dun ano.
Terá que ser comunicada previamente ao seu inicio, con quince días de antelación, ao departamento territorial da consellería competente en materia de comercio, indicando con precisión a causa que a motiva, a data de inicio e a de finalización. Unha copia desta comunicación terá que exhibirse nun lugar visible do establecemento.
Os anuncios de liquidación, tanto no punto de venda como na publicidade que se leve a cabo, deberán expresar tamén a causa e o período de duración.
A liquidación terá que efectuarse no mesmo local no que os produtos estiveron habitualmente á venda, agás nos casos de peche, forza maior ou sinistro que impida o exercicio da actividade comercial.
Nos tres anos seguintes á finalización dunha venda en liquidación, o comerciante non pode exercer o comercio na mesma localidade sobre produtos similares a os que foran obxecto da liquidación.
Tampouco poderá proceder a unha nova liquidación no mesmo establecemento, agás cando esta última se produza na execución de decisión xudicial ou administrativa ou por causa de forza maior.