Existe venda en rebaixas cando os artigos se ofertan, no mesmo establecemento no que se exerce habitualmente a actividade comercial, a un prezo inferior ao fixado antes da dita modalidade de vendas.
Non se pode considerar como venda en rebaixas a de aqueles produtos que non estiveron á venda en condicións de prezo ordinario con anterioridade, nin a de produtos deteriorados ou adquiridos co obxecto de vendelos cun prezo inferior ao ordinario.
Cando a venda en rebaixas non comprenda polo menos a metade dos artigos existentes non se poderá anunciar con carácter xeral, senón referida exclusivamente aos artigos ou sectores aos que realmente afecta. Cando se ofertan artigos a prezo normal e a prezo reducido, uns e outros deberán estar o suficientemente separados para non inducir error. Isto tamén sucede nas outras modalidades especiais de venda (saldos, liquidación, promoción)
As vendas en rebaixas só poden ter lugar en dúas temporadas anuais: unha ao principio do ano, e a outra en torno ao período estival de vacacións.
Non se poden ofertar como rebaixados:
En principio, durante o período de rebaixas o establecemento ten que seguir mantendo as mesmas condicións de venda que durante o resto do ano. Así, se habitualmente acepta o pago con tarxetas, tamén debería facelo durante as rebaixas. O mesmo sucede co cobro dos amaños nos establecementos téxtiles, a admisión de cambios ou as devolucións.
Se o comerciante desexa que estas prácticas non sexan de aplicación durante o período de rebaixas, terá que facelo constar mediante un cartel ben visible ao público e, a ser posible, indícalo no tícket que entrega ao cliente coa compra.